domingo, 21 de junio de 2015

Xuntanza literaria

O día 19, nun marco incomparable, tiñamos unha cita importante os lectores do Librako. É difícil porlle palabras ao que vivimos e sentimos porque foron moitas as emocións e os recordos que xurdiron neste encontro. O cansanzo de final de curso e o atafego do último día non impediron que acudísimos ilusionados. E alí estaban eles, esperando por nós. En cada mesa una xeración de lectores que, expectantes, agardaban polos seus compañeiros.



Álex e Hadrián, actuais lectores do club, foron os encargados de darnos a benvida a todos e de presentarnos o acto.

Tivemos tempo para xantar e falar na sobremesa, recordando algúns dos bos momentos que pasamos xuntos.

Pero os recordos tamén se compartiron nos paneis de twitter que tiñamos colgados nás árbores. Con eles queriamos deixar pegadas do noso paso polo Librako.

O prato forte da tarde estaba por chegar. Era o momento de explicar o xogo de pistas que nos levaría a facer un percorrido pola historia do club e das súas lecturas. Para iso necesitabamos unha boa mestura, cada equipo estaría composto por lectores de anos diferentes.

E comezou o xogo. Un paseo cheo de lembranzas, dende as Aceñas ao Tamuxe, coa mellor compaña.

Do final de festa non hai fotografías que testemuñen o que pasou. Só os que alí estivemos levaremos sempre na nosa memoria estes bos recordos. Lectores, compañeiros, amigos conversando de libros, de historias, do pasado, do presente e do futuro, dos soños e das ilusións, falando da vida mesma. Grazas por darnos a oportunidade de vivir unha tarde coma esta.

0 comentarios: