miércoles, 8 de octubre de 2014

Benvidos

Hoxe é un dia moi especial para nós. Comezamos unha nova etapa do club. Xa levamos seis anos inmersos nesta andaina literaria; xeracións de lectores pasaron por aquí durante todo este tempo. E se botamos unha ollada atrás recordamos con nostalxia aos que non están e que noutras épocas viaxaron con nós.
Pero todos temos algo en común, os que estamos, os que estiveron e os que estarán, todos somos do Librako! É un orgullo formar parte desta gran familia lectora que hoxe retoma as boas costumes.
Aínda os que non están no club oíron falar de nós. A semana pasada vin en Vigo un ex alumno, falamos dos seus estudos, de cómo lle ía a vida, do seu paso polo cole. Cando levábamos xa un bo rato de conversación preguntou: Aínda segue o Librako? Claro que segue, contestei, e máis vivo ca nunca. E aquí tedes hoxe a mostra; somos case 50 lectores este ano e continuamos coa ilusión de sempre. Poderiamos dicir que nos sentan ben os anos.
Os maiores desta tribo lectora queremos darvos a benvida. Acompañarémosvos nesta aventura, guiaremos os voso pasos e compartiremos con vós lecturas, xantares e sorrisos.
Haberá novidades este ano. Leremos banda deseñada, teatro e álbum ilustrado. O que non cambiará será a ilusión e as ganas de ler e de pasalo ben de todos nós.
Benvidos  todos! Boas lecturas! E que gocedes deste club!

0 comentarios: