martes, 7 de diciembre de 2010

Os libros...

... xa dende a porta da biblioteca localizaches 
a portada co título que buscabas. 
Seguindo esa pegada visual abrícheste paso 
a través da tupida barreira 
dos Libros Que Non Liches 
que te miraban celludos 
dende estantes tratando de intimidarte. 

Pero ti sabes que non debes deixarte acovardar, 
que entre eles despréganse hectáreas e hectáreas 
dos Libros Que Podes Prescindir de Ler
dos Libros Feitos Para Outros Usos Que A Lectura

E así superas o primeiro cinto de baluartes 
e cáeche enriba a infantería dos 
Libros Que Se Tiveras Máis Vidas Ca Vivir 
Certamente Os Lerías Tamén De Bo Grao 
Pero Por Desgraza 
Os Días Que Tes Que Vivir Son Os Que Son

Cun rápido movemento saltas sobre eles 
e caes entre as falanxes dos 
Libros Que Tes Intención De Ler Aínda Que 
Antes Deberías Ler Outros

dos Libros Que Poderías Pedirlle A Alguén Que  Che Preste
dos Libros Que Todos Leron
Conque É Case Coma Se Os Tiveras Lido Tamén Ti. 

Eludindo estes asaltos, chegas baixo as torres do fortín, 
onde ofrecen resistencia os 
Libros Que Hai Moito Tempo Tes Programado Ler,

os Libros Que Se Refiren A Algo 
Que Che Interesa Neste Momento,

os Libros Que Queres Ter Ao Alcance Da Man Por Un Acaso,

os Libros Que Poderías Afastar 
Para Lelos Ao Mellor Neste Verán...

Decátate que che foi posíbel reducir o número ilimitado 
de forzas en presenza a un conxunto moi grande, si, pero, 
en calquera caso calculábel cun número finito, 
malia este relativo alivio se vexa 
asexado polas emboscadas os 
Libros Que Che Inspiran Unha Curiosidade Repentina, 
Frenética E Non Claramente Xustificábel.

Todo isto para dicir que, 
percorridos rapidamente coa ollada 
os títulos dos volumes expostos na biblioteca, 
encamiñaches os teus pasos cara a unha morea de 
A Metamorfose coa tinta aínda fresca, 
agarraches un exemplar, 
e leváchelo para que se establecera 
o teu dereito de lectura sobre el.


(adaptación e tradución do texto de Italo Calvino Si unha noite de inverno un viaxeiro)

1 comentarios:

Alex de 3º A dijo...

Asun, como queres que me conecte ao blog se ti pos exame!Así non se pode!