martes, 23 de febrero de 2010

E o noso libro era...

Érase unha vez un Club de Lectura sen libro que ler. Érase unha vez un xogo de pistas para poder chegar a el...

Había un texto que dicía algo, sen dicir nada.
Había unha man pálida, que inquietaba a mirada, e ata o mesmo sono.
Había o que parecía un espello oculto nun saco.
Había un son que facía imaxinar unha noite de frío, vento e escuridade só rota polos lóstregos.
E había, por fin, un olor. Un arrecendo a allo que espantaba incluso ás almas máis limpas.

Durante días, houbo todo iso, pero nada máis.
Nese tempo e con esas pistas, tan só unha persoa foi quen de dar na diana e matar o misterio. O librako reservado a este Club non era outro que DRÁCULA, de Bram Stoker.
Felicidades, NINA!!! Para ela, como gañadora, houbo este pasado luns un pequeno agasallo.


En canto aos demais, todos recibiron cadanseu libro e caderno de notas (vermello, como non...). E foi así como morreu o conto das pistas, e empezou por fin a vida deste Club de Lectura.

E... se queredes que vos conte un segredo... Menos mal que xa están repartidos todos os exemplares... Porque, se vos fixades ben, estes libros... Parecían querer saír da caixa!!!


Ollo, lectores... Disque o señor Rodrigo incluso atopou unha mañá a caixa rabuñada por dentro.

0 comentarios: